Estereotipos ata nos libros de texto. Que podemos facer coma docentes?

Os estereotipos culturais están por todas as partes, e máis facilmente nas aulas de ensino de linguas estranxeiras, onde constantemente se fai referencia a unha comunidade lingüística allea. Normalmente recórrese a estereotipos para simplificar a comprensión de determinadas características culturais, especialmente cando o noso alumnado é adolescente e seguramente coñeza pouco sobre a historia ou sobre os países nos que se fala a lingua que estean a aprender. Con todo, esta tendencia, aínda que a miúdo sexa inconsciente, é un tema complexo e que desde o meu punto de vista débese evitar custe o que custe, pois supón distorsionar a riqueza e a diversidade das culturas que se tentan representar, ademais de que simplifica aos seus falantes e a historia da propia lingua. Por exemplo, ao ensinar inglés, habitualmente só faise referencia ao Reino Unido e Estados Unidos, en todo caso a Australia e Nova Zelandia, e déixase de lado a diversidade lingüística e cultural doutras rexións onde o inglés é unha lingua oficial, como a India, Filipinas, Singapur… Ou onde ten un status moi importante por motivos históricos e culturais, como en Quenia, Malaisia ou Xamaica. E isto non só é inexacto, senón que ademais perpetúa unha visión incompleta, colonizadora, da comunidade lingüística en cuestión.

Estes estereotipos, ademais, impregnaron durante moito tempo os libros de texto e o currículo educativo de idiomas. Polo menos na miña experiencia, tanto cando estaba en secundaria como non hai moito tempo de profesora de inglés nunha academia, todos os libros de texto que pasaron polas miñas mans estaban moi centrados nas illas británicas, América do Norte, talvez Canadá e Australia —e estes últimos, a verdade, bastante anecdóticamente—. É dicir: o propio material educativo creado por institucións da lingua inglesa perpetúa estes estereotipos, obvia a riqueza e variedade cultural de moitos falantes e enfócase nun conxunto limitado de características. Así, limítase a comprensión global dunha comunidade lingüística e da complexidade da historia desa lingua, e das culturas a ela asociadas.

Tendo en conta que isto é así, considero que os futuros profesores e profesoras de secundaria temos que asumir o gran reto de evitar que isto se perpetúe, abordando e desafiando os estereotipos e clichés de toda a vida para que o ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras sexa máis realista e xusta. 

En primeiro lugar, creo que sería interesante diversificar máis os recursos educativos. A inclusión de materiais auténticos como artigos xornalísticos ou de opinión, películas, libros escritos en distintos países e por tanto seguramente ambientados en contextos culturais diferentes poden axudar a recrear mellor a realidade tan complexa á que nos enfrontamos, por exemplo, co inglés. 

Doutra banda, tamén podería resultar interesante convidar a falantes nativos de diferentes países e rexións que teñan o inglés como primeira ou segunda lingua. Coñecer perspectivas auténticas e diversas sobre unha cultura que para nós é unha pero que en realidade son moitas desafía o estereotipo que teñamos na nosa mente, e por tanto espertará a curiosidade dos estudantes, proporcionándolles unha comprensión máis completa e xenuína da comunidade lingüística do inglés. 

Así mesmo, pódense levar a cabo moitos proxectos relacionados cos distintos acentos ou variedades do idioma sen necesidade de traer a ninguén á aula: vendo películas, practicando role plays de imitación —o cal, ademais, pode resultar moi divertido— etc.        

Con todo, o que considero máis relevante para evitar que estes estereotipos nos invadan é adoptar un enfoque crítico e reflexivo de forma diaria na aula, ademais de por suposto avaliar moito os libros de texto que empreguemos ou idealmente elaborar o noso propio material. Pódense levar a cabo debates sobre os estereotipos, fomentar proxectos de coñecemento doutras culturas nas que se fale inglés ou máis en específico dar a coñecer, por exemplo, a historia colonialista. Outra proposta interesante, relacionada ademais con outra entrada a este blogue sobre a lectura de clásicos durante a aprendizaxe de linguas estranxeiras, sería ler algún libro dun autor ou autora hindú, talvez, ou xamaicano/a. Salman Rushdie, por exemplo, é unha aposta moi interesante para cursos algo máis avanzados, de bacharelato: é coñecido por utilizar gran variedade de rexistros lingüísticos nas súas obras, mesmo variacións do inglés oral. 

Todo isto permitiría aos estudantes cuestionar e reflexionar sobre os clichés culturais e como estes afectan na nosa comprensión dunha cultura e comunidade lingüística, ademais de que fan que queden na superficie e pérdanse moitísima información interesante que seguro volve a aprendizaxe do inglés moito máis atractiva.

En fin, en resumidas contas, a conciencia e acción por parte dos docentes son fundamentais para romper cos estereotipos culturais no ensino de linguas estranxeiras. Escoller ben os recursos que se empregan e diversificalos, realizar actividades interculturais con falantes nativos ou sinxelamente asegurarnos de dar a coñecer se non a totalidade, polo menos, a variedade e complexidade da comunidade pertinente, fomentando debates e ofrecendo apoio para aprender máis, enriquecerá enormemente a experiencia educativa dos nosos grupos de estudantes e contribuirá á construción dunha sociedade inclusiva e comprensiva.

Comentarios

Publicacións populares