O principio de cooperación no MCER. Por que é tan importante na aprendizaxe de linguas?

O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (o MCER) é unha ferramenta tremendamente útil, pois permite recoñecer e avaliar as habilidades lingüísticas en diferentes idiomas en toda Europa, permitindo así a mobilidade entre distintos países e a comprensión de forma estruturada (xa sexas un profesional, docente ou estudante) os obxectivos e distintos estadios á hora de aprender unha nova lingua. O seu enfoque comprende as linguas de xeito global, e a súa adquisición coma un proceso moi variable que se debe levar a cabo traballando as distintas competencias dos estudantes, tanto xerais e lingüísticas coma sociolingüísticas e pragmáticas. É dicir, o MCER amosa que para aprender a falar unha segunda ou terceira lingua non nos debemos centrar unicamente na lingua en si coma código comunicativo illado da realidade, da súa comunidade de falantes, senón todo o contrario. Isto é moi relevante tendo en conta que, consecuentemente, anima a levar a ensinanza dun xeito moi achegado á realidade e á práctica. De feito, no índice isto xa queda claro co título do subapartado 2.1. «Un enfoque orientado a la acción». 

Do mesmo xeito, este marco de referencia non especifica contidos concretos que se deban ir adquirindo en base aos niveis establecidos (B1, B2, C1, C2…) senón que achega unhas escalas ilustrativas de actividades comunicativas que idealmente serán adquiridas en cada un dos niveis: os descritores. En outras palabras, no MCER queda claro que coma profesores e profesoras debemos mirar ás linguas case coma acontecementos e realidades sociais.

Para isto, nas primeiras páxinas deste documento explícanse as competencias xerais e específicas que os alumnos ou usuarios das linguas deben desenvolver, como poden ser a competencia existencial (saber ser) ou a capacidade de aprender (saber aprender). Mais a que máis nos importa aquí é a competencia comunicativa, que aparece subdividida en tres compoñentes: o lingüístico, o sociolingüístico e o pragmático. Por suposto, e moi resumidamente, as competencias lingüísticas son as que todos coñecemos porque —considero— son ás que sempre se lles dou máis peso na ensinanza de linguas estranxeiras (o léxico, a fonoloxía, a sintaxe, etc.); as competencias sociolingüísticas, pola súa banda, fan referencia ás «condicións socioculturais do uso da lingua», é dicir, á sensibilidade e coñecemento das convencións sociais características da comunidade lingüística pertinente (temas de cortesía, xerarquía entre falantes, grupos sociais, rituais, etc.); e finalmente, as competencias pragmáticas, que aseguran un «uso funcional dos recursos lingüísticos sobre a base de guións ou escenarios de intercambios comunicativos» (MCER, 2002). E aquí é a onde quero chegar: á capacidade de expresión, xa sexa oral  ou escrita, exitosa, e ás condicións que a gobernan, en específico ao principio de cooperación.

 

O principio de cooperación é un suposto pragmático moi xeral que fai referencia ao feito de que os falantes dun intercambio comunicativo esperan os uns dos outros que se participe de forma cooperativa, relevante, veraz e con intención de contribuír á conversa. Pódese definir tamén como unha serie de normas implícitas que se os falantes poñen en práctica de xeito adecuado aseguran unha comunicación efectiva. O Centro Virtual Cervantes defíneo como «un suposto pragmático moi xeral de intercambio comunicativo, polo que se espera un determinado comportamento nos interlocutores, como consecuencia dun acordo previo, de colaboración na tarefa de comunicarse [...] un principio xeral que guía aos interlocutores na conversa» (2023). 

No MCER esta teoría aparece citada en varias ocasións: nas actividades de interacción oral, nas normas de cortesía… Mais  no espazo no que verdadeiramente lle dan relevancia é dentro das competencias pragmáticas (capítulo 5 subapartado 5.2.3.), en concreto na competencia discursiva, onde incluso citan ao filósofo e lingüista H.P. Grice (1913-1988) coñecido xustamente por achegar esta teoría da que estamos a falar ao ámbito da pragmática:

«Realice su intervención tal y como se le pide, en la etapa en la que ocurra, mediante la finalidad o dirección aceptadas del intercambiohablado en el que usted participa, observando las máximas siguientes:

·      La calidad (intente que su intervención sea verdadera).

·      La cantidad (procure que su intervención sea tan informativa como haga falta, pero

·      no más).

·      La relación (no diga lo que no sea relevante).

·      El modo (sea breve y ordenado; evite la oscuridad y la ambigüedad)».

 

É dicir, o principio de cooperación refírese ao conxunto de mecanismos que regulan a interpretación e calidade dos enunciados que xeramos, e responsables do «significado engadido» e da información implícita (de novo, como ben se indica na web do Centro Virtual Cervantes). Que o que respondamos a unha pregunta sexa acorde e satisfaga o que o noso interlocutor buscaba, que non sexa unha resposta moi extensa nin difícil de seguir, nin que tampouco poida levar a equívoco, por exemplo. Ou, extraendo este principio dun contexto comunicativo máis clásico —unha conversa en persoa con dous interlocutores que falan a mesma lingua—, que se lle pedimos ao alumnado que realice unha presentación sobre determinado tema nun máximo de 5 minutos, a información que aporte esté debidamente ordenada, sexa relevante e interesante, non repetitiva e doada de comprender. 

Non considerades que este principio é totalmente imprescindible? Ao recordalo —dende o grao non o volvín escoitar apenas, por non dicir nunca— dinme conta da verdadeira importancia que ten tamén á hora de ensinar linguas. Dende o meu punto de vista, o principio de cooperación debería estar moi presente na forma de enfocar a ensinanza do inglés, por exemplo, e ademais vai moi en liña coas intención establecidas polo MCER. 

Por outra banda, paréceme que sería moi interesante mencionalo incluso explicitamente nalgúns niveis de ensinanza, tendo en conta que a reflexión sobre nós mesmos, somo como somos falando e as tendencias que temos —dende retrousos en textos escritos ata nerviosismo para falar en público, ou problemas á hora de identificar o que é relevante nun texto— coñecer o principio de comunicación pode impulsar a mellora da nosa competencia lingüística de forma global e incluso diría que outras competencias como as sociais ou as de aprender a aprender. Unha comunicación consciente do contexto (con quen estamos a falar, onde…) pode levarnos a moitos sitios. E a reflexión sobre isto a mellorar tamén a nosa capacidade para escribir un texto, por exemplo, tendo máis en conta a quen nos diriximos ou cal é a nosa intención con el. 

É dicir, en resumidas contas e para facer unha reflexión global, o principio de cooperación, malia estar enmarcado na competencia pragmática, opino que é extrapolable a moitos outros ámbitos á hora de adquirir unha segunda ou terceira lingua, e que o feito de coñecelo e ser conscientes del pode ser moi interesante, especialmente en estudantado adolescente: desenvolver a conciencia metalingüística pode axudar a mellorar a nosa expresión tanto oral coma escrita en todos os ámbitos da vida e de cara ao seu futuro. Ao fin e ao cabo, seguir o principio de cooperación é unha capacidade que asegura unha boa comunicación —que en absoluto é o mesmo que coñecer ben unha lingua—. Cooperar é asegurar unha comunicación efectiva.  




Fontes:

Centro Virtual Cervantes (2023). Principio de cooperación. Instituto Cervantes. https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/diccio_ele/diccionario/principiocooperacion.htm#:~:text=Se%20entiende%20como%20principio%20de,en%20la%20tarea%20de%20comunicarse.


Consejo de Europa (2020). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Volumen complementario. Servicio de publicaciones del Consejo de Europa: Estrasburgo. www.coe.int/lang-cerf.  


Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (2002). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/cvc_mer.pdf 

Comentarios

Publicacións populares