As novas programacións didácticas: por que breve e bo, dúas veces bo

No instituto tiven unha profesora de lingua castelá que, ademais de ser moi boa, deixou en nós —ou polo menos en min— gran pouso. Era clara, dura en moitas ocasións, e sempre dicía que nos comentarios críticos, de texto ou argumentativos, «breve y bueno, dos veces bueno». E o certo é que comparto esta opinión totalmente. Dende o meu punto de vista, os textos densos, tremendamente específicos e con moitos subapartados deixan de ser accesibles para quen le e dilúen o seu propio obxectivo totalmente. Cantas veces comezamos a ler algo e para cando rematamos xa nin tiñamos idea do que queriamos saber ou do que se estaba a falar? Pois ben, coas programación didácticas semella que pasa o mesmo dende a promulgación da LOMLOE: xa non se premia o peso do papel, senón a calidade dos contidos, a flexibilidade na formación, a adaptación ao alumnado, a inclusión, igualdade e diversidade, así como o desenvolvemento das competencias clave mediante metodoloxías que poñan ao alumnado no centro do proceso de ensinanza-aprendizaxe.

            Con anterioridade, segundo o que escoitei nos últimos meses e comentamos nunha das últimas sesións de decembro, as programación didácticas eran extensísimas, moi detalladas e específicas en termos de contidos, obxectivos e métodos de avaliación. A súa estrutura era bastante marcada e a planificación anual exhaustiva, case para cada semana e sesión do curso académico. 

Mais está claro que este carácter estático e en certa medida afastado da realidade —é imposible, sen coñecer o grupo, saber que tipo de actividades serán as máis acertadas, por exemplo; ou se os nosos alumnos traballarán mellor sempre coa mesma parella ou cambiando, etc.— non está en absoluto en liña coa LOMLOE, que no seu preámbulo transmite un claro ánimo de flexibilidade e autonomía para os centros educativos, co fin de que os profesores e profesoras poidan asegurarse que todos os estudantes desenvolven ao máximo as súas capacidades non só académicas. E isto acádase soamente adaptando o contido e a metodoloxía de forma constante… Coa mellora continua, noutras palabras. 

Cales son, entón, as características xerais das programacións didácticas que teremos que preparar como futuras opositoras e profesoras? 

1.  O menor nivel de detalle: as novas programacións están menos centradas nos contidos en específico de cada materia e na adaptación destes á realidade da aula; prima a calidade antes que a cantidade.

2.  Énfase nas competencias e habilidades, así como na adquisición de valores como a igualdade, a empatía, a inclusión…

3. Son flexibles e adaptables: ao non ser tan concretas, as novas programacións permiten realizar modificacións de cara ás diferenzas ou retos que achegue o alumnado de cada curso académico. 

4.  Avaliación continua e formativa, para asegurar a educación integral e a millora continua. 

 

Entendo que para moita xente isto tal vez sexa sinónimo de «falta de claridade», «ambigüidade» ou incluso que vaia en detrimento da materia, que sexa unha especie de menosprezo. Mais dende o meu punto de vista, estas novas programacións son moito máis axeitadas á realidade e consecuentemente mellores cás anteriores. A LOMLOE mudou o foco da educación e amosa que o papel da Educación Secundaria Obrigatoria e consecuentemente dos docentes non é transmitir coñecemento sen máis, como se facía no século pasado, para que despois o alumnado o vomite. A intención agora —e opino eu que a que sempre debeu ser— é levar a cabo unha educación integral e formar cidadáns con moral propia, pensamento crítico, empáticos, con conciencia cívica e capaces de afrontarse a distintas situacións que irán xurdindo no seu futuro, así como de ter unha carreira profesional satisfactoria. En certa medida, case importa máis como sexamos os docentes como persoas que canto saibamos da materia en sí… e de aí que nas programacións non teña sentido especificar cando exactamente se vai comezar empregar o past perfect

En resumidas contas, para min, este cambio é para mellor e moi acertado. Vivimos nun mundo moi cambiante e inestable, con constantes novidades e numerosos retos na aula, non só polos diferentes tipos de alumnado senón porque descoñecemos como vai ser a súa realidade en apenas uns anos. A certa independencia que a LOMLOE lle concede aos profesores para enfocar a súa materia e achegarse ao seu alumnado paréceme a mellor forma de asegurar que a escola secundaria cumpra co seu obxectivo: preparar aos nosos mozos a nivel global, dende distintas materias e en conxunto, para os retos que están por vir

¿Vós que opinades? ¿Preferiades ter programacións xa moi elaboradas para ter claro como afrontar cada unha das sesións e ter o curso moi preparado? 

Comentarios

  1. Boas Sabela!
    Antes de nada, quería felicitarte pola túa entrada. Pareceume unha reflexión moi interesante na que pranteas aspectos das programacións didácticas e da propia LOMLOE nos que non pensara nunca.
    A propia programación didáctica que nós tivemos que realizar foi bastante extensa e, á hora de levala a cabo, eu mesma tiven bastantes dúbidas en varias das cuestións que comentas (como adaptala a unha diversidade descoñecida, en que medida o número de sesións que programaba para cada actividade era correcta se descoñecía as dificultades e puntos fortes do grupo...) As veces dubidaba da utilidade de especificar tanto os contidos de cada unha das partes da programación, xa que non sería extraño que todas estas previsións tiveran que mudar unha vez coñecera ao grupo. Por suposto, despois da sesión con Gonzalo na aula e da túa propia entrada de blogue, recoñécense os motivos dos cambios nas programacións.
    Creo que, como futuros docentes, é moito máis proveitoso que falemos de competencias, habilidades e valores que debe adquirir o noso alumnado e deixemos máis apartado o tema dos contidos específicos, os obxectivos específicos e todos os métodos de avaliación que se van empregar. Dende o meu punto de vista, é moito máis primordial coñecer ao grupo do que nos imos encargar, a súa forma de traballar e os sistemas de ensinanza e avaliación que funcionan mellor con eles.
    Coincido totalmente no que comentas sobre os aspectos positivos da LOMLOE a este respecto, así como a utilidade destas novas programacións didácticas máis acotadas. Creo que é importante ter o curso programado en detalle, pero quizais deberiamos apostar por unha concreción máis adaptada ao alumnado e non tanto ao carácter formal do propio documento.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares