O inglés como lingua franca: un risco para outras linguas e a súa cosmovisión?
Na actualidade e no noso mundo, tremendamente inestable, cambiante e globalizado, unha lingua franca defínese como un idioma que se emprega como medio de comunicación entre persoas que non comparten a mesma lingua materna. Este idioma funciona como unha ponte lingüística especialmente en contornas internacionais, facilitando as interaccións. Está claro que o inglés emerxeu como unha das principais linguas francas en diversos ámbitos, como poden ser os negocios, o turismo, a educación, as redes sociais ou os medios de comunicación, principalmente debido ao predominio e influencia cultural, así como ao poder económico de países angloparlantes (especialmente EE. UU.)
Con todo, a expansión deste idioma como lingua franca xerou preocupación ao redor do seu impacto nas linguas minoritarias e minorizadas (este idioma ou calquera outro que predominase, vaia). Estas linguas en constante perda de falantes corren o risco de ser desprazadas polo predominio do inglés, o que podería resultar no seu declive ou mesmo, nos peores casos, desaparición. Este dramático escenario de perda lingüística implicaría a perda de cosmovisións únicas, así como de tradicións e historias culturais. As linguas, como portadoras de culturas, creación artística e coñecementos ancestrais de todo tipo reflicten diversas formas de entender e percibir o mundo, contribuíndo así á diversidade cultural global. Nunha das últimas clases comentamos a hipótese Sapir-Whorf ou teoría da cosmovisión, e desde logo eu persoalmente considero que a nosa lingua materna especialmente determina como percibimos a realidade, que é relevante para nós e que non. Á fin e ao cabo, dalgún modo o que non se nomea é como non existise.
Esta cosmovisión representa a comprensión única do mundo que cada comunidade lingüística posúe. É certo que moitas cosmovisións son compartidas ou presentan moito coñecemento mutuo —por exemplo, a cosmovisión do galego e o portugués serán moi semellante, ou mesmo coa do castelán—, pero aínda así a súa desaparición supón unha perda de coñecemento, de valores, mitos, tradicións e, simplemente, variedade de realidades e da forma na que os seres humanos nos relacionamos coa nosa contorna. A súa perda, sumada á extinción as comunidades lingüísticas, conleva a unha inevitable homoxeneización cultural que nos empobrece.
Tendo todo isto en conta, o risco que supón o uso tan estendido dunha única lingua, pregúntome por que non nos poñemos máis en serio a recuperar o esperanto ou algún proxecto semellante. Esta lingua artificial, que foi creada a finais do século XIX por Ludwik Zamenhof, deseñouse como unha lingua neutral e de fácil aprendizaxe co obxectivo de asegurar unha comunicación entre falantes de distintas linguas moi sinxela e eficaz. A súa gramática é simplificada e a súa estrutura moi lóxica; cun número moi reducido de normas, resulta accesible para falantes de case calquera lingua do mundo (especialmente as europeas, esta foi unha das críticas que se lle fixo, de feito, o eurocentrismo á hora de creala).
O feito de que sexa un idioma artificial e que fose creada a partir de estruturas doutras conleva que non teña cosmovisión propia, e polo tanto non resulte ser unha ameaza para outras linguas. Ademais, o seu uso sería bastante determinado en contextos interculturais pois a súa estrutura e normas non son «suficientes», por dicilo dalgún xeito, para algúns rexistros comunicativos, e imaxino —isto é unha conxectura miña— que a creación literaria en esperanto resultaría case imposible, ou a escritura dalgún tipo de texto filosófico máis abstracto e complexo. Esta neutralidade lingüística convértea nunha opción real e atractiva como lingua franca, desligada dunha cultura ou país. Con ela poderíase asegurar a equidade na comunicación global e a supervivencia de miles de linguas que agora mesmo están en risco, como ocorre por exemplo en Filipinas.
En resumidas contas, o predominio do inglés como lingua franca exponnos unha situación complexa, máis se queremos seguir vivindo nun mundo intercultural e variado, no que non se poñan en risco ás linguas minoritarias e minorizadas. Tal vez deberiamos pensar dúas veces o uso tan estendido do inglés por este motivo, non só por manter a riqueza lingüística de moitos países como é o caso do noso, senón tamén as diversas historias e tradicións que levan ligadas. Co esperanto, grazas á súa característica neutralidade e fácil aprendizaxe, temos unha alternativa que podería asegurar a diversidade de perspectivas culturais e cosmoloxías sen desprazar outras linguas existentes. Por que se deixou tan de lado o esperanto? Por que non o poñemos de moda?
Comentarios
Publicar un comentario