O sistema educativo de Singapur e a ensinanza de linguas estranxeiras. Excelencia?

Ola de novo! Esta entrada vai ser un pouco distinta ás demáis, pois está centrada na presentación que preparei para o pasado 22 de decembro sobre o sistema educativo en Singapur, máis en específico sobre a ensinanza de linguas estranxeiras. Para acompañar a presentación que empreguei e deixo a continuación, brevemente déixovos resumida a información que considero máis relevante por se queredes a partir dela pescudar máis. A verdade, é un tema moi interesante e do que se pode aprender moito. 

 

Pois ben, en primeiro lugar na miña presentación fixen un breve resumo sobre Singapur, que é un das poucas cidades-Estado do mundo. As súas características xerais, especialmente o contexto sociopolítico, parécenme esenciais para comprender mellor o seu sistema educativo e xulgalo de forma global. 

Singapur caracterízase por ter unha densidade poboacional moi alta, con 6 millóns de habitantes, e por ser un lugar cun multiculturalismo moi arraigado tendo en conta que recibe moita inmigración. É un dos países máis seguros e con menos corrupción do mundo segundo varios índices, e foi colonia do Imperio británico ate 1959 —de aí que o inglés sexa lingua oficial xunto co mandarín, o malaio e o tamil—. 

            É importante ter en conta que ten un PIB per cápita moi elevado, mais o país xofre un deterioro persistente das liberdades civís (de expresión, da comunidade LGTBI, hai pena de morte, non hai moita liberdade académica e polo tanto hai adoctrinamento...) e dereitos humanos (control dos medios e control político), tendo en conta que leva saíndo o mesmo partido político nas eleccións dende 1959: o Partido de Acción Popular (PAP), xeralmente ubicado no espectro das dereitas. Considéraselle por isto un partido único de facto, e polo tanto un sistema de goberno, en realidade, antidemocrático. 

Para rematar, paréceme importante recalcar que é un país moi competitivo e moi centrado no seu futuro e en convertirse nunha potencia mundial. Tanto a nivel económico como social, e polo tanto a nivel educativo, toda a cidadanía está implicada neste proceso tan ambicioso. 

 

O sistema educativo de Singapur eríxese coma un modelo global de referencia, cuns resultados excelentes a moitos e variados niveis. Foi un sistema que se creou esencialmente a partires da Lei de Educación Obrigatoria de 2003, que marcou un antes e un despois por asegurar a gratuidade da educación primaria e o acceso universal á educación. 

            Este sistema alcanzou unha tasa de alfabetización xuvenil do 100 % e está composta por tres etapas: 

-       A preescolar, dos 4 aos 6 anos, que non é obrigatoria e de feito moitas familias lévana a cabo na casa. Hai centros tanto públicos e privados e nela só se imparte o inglés e unha lingua materna (tamil, chino ou malaio)

-       A primaria, dos 6 aos 12 anos, é a única etapa obrigatoria e «gratuita» —entre comiñas porque para que os alumnos sexan exitosos, dadas ás esixencias e a dificultade do exame final chamado Primary School Leaving Examination as familias chegan a endebedarse para conseguir titores personais e clases particulares para os seus fillos e fillas; ao parecer suspender este exame pode supoñer un problema social para o neno/a e a súa familia, levando á discriminación e exclusión—. Non hai ningunha oferta de estudo de lingua estranxeira aparte do inglés. 

-       A educación secundaria a partir dos 12 anos xa non é obrigatoria, aínda que a tasa de abandono é baixísima. Pode durar entre catro e seis anos dependendo das materias que se escollan, pois hai tres itinerarios distintos. Nesta etapa xa se ofertan outras linguas, pero explico a continuación de que xeito. 

Como estaredes xa pensando, é moi curioso que non inclúan ningunha outra lingua máis tendo en conta que é un país con tanta inmigración e tan multicultural... E é que, de feito, a partires de secundaria si que poden estudar outras linguas estranxeiras máis cunha serie de restricións bastante chamativas. En primeiro lugar, a oferta de ensinanza de linguas non a achegan os propios institutos senón o Centro de Linguas do Ministerio de Educación. Para seguir, o estudo destas sería fora do horario escolar; é dicir, como se fose unha actividade extraescolar máis, que non forma parte do currículo obrigatorio. E, para rematar, soamente os alumnos cuxo expediente se atope no 10 % mellor pode acceder a estas clases. En outras palabras: a exposición xeralizada e temperá á diversidade linguística está totalmente limitada. Os obxectivos do MOELC son meramente de relacións internacionais. Non vos parece sorprendente e, en certa medida, inxusto? Temos moita sorte co noso sistema... Penso que non nos podemos queixar tanto. 

 

Para ir rematando, comentar que ,a grandes rasgos, o sistema educativo caracterízase por ser bastante adaptable, con avaliación continua e intervencións personalizadas para cada estudante, cunha mellora constante. Ademais, actualizan moito os currículos e integran as tecnoloxías tanto para enriquecer a experiencia educativa como para que os estudantes se acostumen a enfrentarse a desafíos que vivirán no futuro. É unha aprendizaxe baseada en proxectos, resolución de problemas e interactiva, na que se centran no desenvolvemento de habilidades e pensamento crítico dende as etapas iniciais (aínda que, polo menos para min, isto resultou moi contraditorio tendo en conta a falta de liberdade de expresión...)

 

En fin, para pechar, Singapur ten un sistema educativo pioneiro a nivel mundial mais a un custo social que dende a miña perspectiva non paga a pena. O estrés que experimentan os nenos e nenas dende tan pequenos, sumado aos seus calendarios esixentes, a posibilidade de exclusión por non ter o suficiente éxito académico e as altas tasas de suicidio adolescente que ten o país parécenme motivos máis que suficientes para replantexarse este sistema tan competitivo, por moi bos resultados que amose en variadas probas. Ademais, podemos observar que a importancia que se lles da ás linguas estranxeiras é meramente pragmática, e a súa implementación é na realidade anecdótica, para a élite académica e cuns obxectivos que se afastan da educación.  


Aquí vos deixo a presentación en PDF. Apertas!


Comentarios

Publicacións populares