Alumnado no espectro autista e ensinanza de L2: posibles estratexias para inexpertos
Ola de novo!
A semana pasada, na asignatura de Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras estivemos falando dos factores individuais que determinan en grande medida a aprendizaxe dunha segunda lingua. Por exemplo, falamos dos tipos de memoria e intelixencia, de rasgos da personalidade, a motivación ou a idade, Máis en concreto, tamén falamos da dificultade e o gran reto que pode ser ensinar segundas linguas a alumnado con algún tipo de dificultade comunicativa, en concreto ao alumnado que se atope no espectro autista. Así, nesta entrada o meu propósito é, a partires dunha pequena investigación, remarcar algunhas estratexias que poden ser interesantes e penso virán ben no noso futuro próximo —esperemos ;)— coma profesores e profesoras de linguas estranxeiras.
Mais antes de nada, paréceme importante resaltar que o trastorno do espectro autista (TEA) é bastante máis común do que tal vez pensamos. Segundo a Confederación Autismo España, hai aproximadamente un caso por cada cen nacementos. É dicir, se temos catro cursos de 25 alumnos algún ou algunha deles estará no espectro. Tendo isto en conta, espero que esta entrada sexa efectivamente proveitosa!
En primeiro lugar, é importante que como docentes nos empapemos un pouco sobre o TEA, as súas características principais e as principais dificultades que presentan as persoas á hora de comunicarse e, polo tanto, aprender linguas. Pois ben, segundo a Confederación Autismo España, o trastorno do espectro autista é «un conxunto amplo de condicións que afectan ao neurodesenvolvemento e funcionamento cerebral, dando lugar a dificultades na comunicación e interacción social, así como na flexibilidade do pensamento e da conduta». Trátase, como indica o seu nome, dun trastorno moi variable e cunha serie de trazos que dependen moito de cada individuo, polo que as alteracións non son sempre as mesmas nin afectan na mesma medida, mais grosso modo podemos resaltar as seguintes:
- Dificultades na comunicación: adquisición da fala tardía; uso limitado da linguaxe non verbal (xestos, expresións faciais); dificultades para comprender a linguaxe social…
- Problemas á hora de interactuar: dificultades para manter relacións sociais; falta de interese en compartir emocións e escoitar as dos demais…
- Patróns de comportamento repetitivos: atópanse cómodos en actividades repetitivas que coñecen ben; presentan resistencia ao cambio e apego ás rutinas; teñen intereses intensos e enfocados a temas específicos.
- Sensibilidade sensorial: moitas persoas no espectro son hipersensibles ou hiposensibles a estímulos, como poden ser luces, sons ou texturas.
- Habilidades de savant: moitos casos presentan capacidades excepcionais en áreas concretas, como as matemáticas, a música, a lectura… Teñen tendencia a mirar máis os detalles que o panorama xeral dos temas ou acontecementos.
As áreas que principalmente supoñen un reto para nós como profesores/as de linguas, polo tanto, considero que son as dificultades na comunicación e socialización, aínda que por suposto coñecer os patróns cos que os nosos alumnos no TEA están máis cómodos, os estímulos que os perturban ou interrompen e as súas habilidades e gustos por algún tema en específico tamén poidan axudar moito a crear un ambiente adecuado e motivador para eles. Tamén é relevante a súa falta de empatía en moitas ocasións ou menor imaxinación, o cal pode afectar en grande medida ao correcto desenvolvemento de actividades moi clásicas na aula de ensinanza de linguas estranxeiras coma son os role plays.
Tendo en conta todo isto, algunhas técnicas e metodoloxías que se indican coma adecuadas e exitosas para axudar a este tipo de alumnado son as seguintes:
1. A metodoloxía de aula invertida ou flipped classroom, que consiste en facilitarlle ao alumnado as tarefas, contidos ou incluso a programación que terán as sesións próximas. Con isto, poden familiarizarse, reducir os posibles nervios pola falta de rutina na aula e resolver inquedanzas ou dúbidas que lles poidan xurdir.
2. A adaptación do contido e o seu formato. Dependerá en grande medida das características concretas do suposto alumno/a, mais en xeral, como comentaba anteriormente, será interesante evitar actividades ou tarefas nas que sexa necesario interpretar algún tipo de papel ou haxa posibles dobres sentidos e ironías. Ademais, estarán moito máis cómodos en grupos de traballo reducidos ou individualmente.
3. A estruturación e presentación de contidos clara, axudará moito ter unha rutina coas Unidades Didácticas bastante predicible: así poderanse anticipar e comprender mellor as transicións ou pequenos cambios. É aconsellable incluír, na medida do posible, tarefas ou proxectos relacionados cos seus intereses específicos para aumentar a motivación. O protagonista da serie Atypical de Netflix, Sam Gradner, por exemplo ten un especial interese polo debuxo e dos dinosauros.
4. Familiarizar á aula cos SAAC (sistemas alternativos e aumentativos de comunicación), e se é posible ter algún tipo de ferramenta na aula para asegurar a fluidez na comunicación se é que o alumno/a está afeito a empregar algún programa de pictogramas.
5. Manter o estado e distribución na aula todo o posible, para evitar que sinta estrés ou nerviosismo polo cambio, e crear un ambiente na aula distendido e de reforzo, no que se recompensen os logros e progresos e se reflexione positivamente sobre os erros.
Como veredes, estas modificacións que propoño parecen sinxelas pero no fondo afectan a toda a concepción da aula, das metodoloxías aplicadas, do ambiente creado e mesmo da planificación xeral das unidades didácticas. Será todo un reto ensinar a alumnado no espectro, mais dende a aula de linguas estranxeiras podemos axudar a que melloren as súas capacidades comunicativas xerais e consecuentemente a súa capacidade de relacionarse e estar máis cómodos en distintos ambientes. En outras palabras, penso que é unha oportunidade para completar o desenvolvemento dalgunhas das capacidades xerais máis importantes para o seu futuro. Estades de acordo? :)
BIBLIOGRAFÍA
Fernández Beltrá, C. (2017, 12 de diciembre). El TEA en el aula de lengua extranjera. ¿Estamos realmente preparados para enseñar otro idioma a nuestros alumnos diagnosticados con trastorno del espectro autista?. Revist@ Ventana Abierta.
Fernández Beltrá, C. (2018, 25 de abril). Enseñanza de Lenguas Extranjeras con Trastorno del Espectro Autista. Técnicas para trabajar en el aula. Campus educacion. https://www.campuseducacion.com/blog/revista-digital-docente/ensenanza-lenguas-extranjeras-alumnos-trastorno-del-espectro-autista/
Qué es el autismo (s.f.) Autismo España. https://autismo.org.es/el-autismo/que-es-el-autismo/
Ola, Sabela!
ResponderEliminarEstou de acordo contigo na necesidade de coñecer en profundidade as alteracións que afectan ao alumnado con TEA e penso que a aula de lingua estranxeira pode ser un espazo adecuado para traballar nas capacidades comunicativas dos alumnos e alumnas.
Na miña opinión, as metodoloxías que mencionas poden funcionar e mesmo ser útiles, pero iso dependerá do grupo-aula en cuestión. Por esta razón, considero que un dos aspectos fundamentais que debemos ter en conta ao traballar con alumnado que presente necesidades específicas de apoio educativo é o tempo que dedicamos a coñecelo. Só se nos esforzamos por facelo poderemos crear programacións baseadas nos seus intereses e puntos fortes.
Neste sentido, concordo contigo na importancia de proporcionar instrucións claras e sinxelas, que se poden apoiar en recursos visuais, para que este alumnado comprenda cales son os obxectivos e as expectativas da materia. Para iso, os SAAC poden ser ferramentas proveitosas, especialmente na aula de lingua estranxeira, posto que axudan a comprender termos ou estruturas gramaticais abstractas a través de imaxes ou sistemas de símbolos.
De todos os xeitos, no caso de que non se dispoña de recursos de apoio tecnolóxico, podería ser beneficioso contar con taboleiros de comunicación nos que se poidan colocar símbolos gráficos como fotografías, pictogramas, palabras ou frases que promovan a comunicación e a expresión oral.
En definitiva, considero que as modificacións que presentas facilitarían a inclusión e a sensibilización entre iguais, que é importante á hora de promover un bo clima de convivencia na aula. Porén, creo que a realidade dos centros é diferente en moitas ocasións, polo que o cadro docente debería estar familiarizado con este tipo de espectros.
A entrada que elaboraches é sumamente interesante, así que estarei atenta ás próximas que publiques.
Un saúdo,
Ariadna.
Boas, Sabela!
ResponderEliminarPareceume moi interesante ler a túa entrada e todas as metodoloxías que propós para traballar nestes casos. Como mencionas brevemente, na actualidade é moito máis común que existan (ou polo menos que se detecten) casos de TEA e esta tendeancia segue en alza polo que como futuras docentes seguro que é un tema co que teremos que lidiar nun futuro próximo, por iso considero que é importantísimo formarnos para estar preparadas para afrontar con éxito todas estas situacións.
Ademais das propostas que mencionaches, que creo que son moi útiles para aplicar na aula, considero que tamén é moi importante que os centros creen unha concienciación adecuada con respecto a este tema: que ofrezan cursos formativos a profesorado e alumnado, que se apliquen na práctica todas as medidas e protocolos, que se personalicen as clases segundo as necesidades de cada un (por exemplo tendo menos alumnado na clase) para así ofrecer unha educación equitativa e de calidade para todo o mundo. Aínda que para facer isto posible deberían destinarse máis recursos e financiación a todos estes ámbitos. Sen embargo, a min gústame pensar que pouco a pouco se están a mellorar as cousas. Hai uns anos apenas existían institutos que tiveran protocolos de acción contra este tipo de situacións e hoxe é algo indispensable, así que estou segura de que no futuro seguiremos traballando para mellorar un pouquiño máis a situación.
Grazas outra vez pola entrada,
Antía
Ola, Sabela!
ResponderEliminarMoitas gracias pola túa entrada, resultoume moi interesante aprender máis acerca do Trastorno do Espectro Autista (TEA). A verdade é que non estaba demasiado familiarizada con este tema e penso que é importante que, como futuras docentes, sexamos conscientes dunha realidade que é moito máis frecuente do que parece e que, como comenta Antía, probablemente o sexa aínda máis no futuro, tendo en conta as tendencias alcistas ao respecto.
Tan só coñecendo as características que presenta este alumnado e as principais dificultades que encontra podemos traballar para mellorar a súa inclusión na aula e a súa aprendizaxe. Tal e como mencionas, as dificultades na comunicación, a socialización, a empatización e a imaxinación son as que maiores problemas representan para os docentes de linguas que teñen alumnado TEA nas súas aulas, posto que implican ter que organizar as clases atendendo aos criterios especiais que mencionas. Non obstante, penso que estas pequenas modificacións e adaptacións que permiten que o aprendizaxe do alumnado TEA se desenvolva con éxito non requiren demasiado esforzo para nós, mais representan unha gran axuda para eles e, por iso, deberíamos telas sempre moi presentes.
Un saúdo e ata a próxima!
Elena