Avaliación efectiva na aula de idiomas: estratexias, reflexión e prácticas innovadoras

Ola de novo! Queridos e queridas compañeiras, espero que esteades ben. Benvidos á miña nova entrada para a materia de «Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras». Nesta ocasión comentarei o que fixemos nas dúas ultimas sesión de clase con Cristina, as cales estiveron centradas como ben sabedes na avaliación e nas rúbricas. Grosso modo, puidemos reflexionar e compartir ideas sobre diversas estratexias e prácticas no noso contexto específico de ensinanza de linguas estranxeiras, e penso que foi relevante que comentaramos en especial o feedback, tendo en conta o fundamental que pode ser para o desenvolvemento académico e persoal do noso estudantado. 

En primeiro lugar, comezamos o tema 11 falando da avaliación formativa e as ferramentas chave para levala a cabo, xa que este tipo de método proporciona información sobre o noso alumnado e o seu desenvolvemento de xeito continuo para poder progresar, o cal pode axudarnos moito a adaptar a nosa práctica docente en caso de que fora necesario. 

Para avaliar efectivamente seguindo este método, resulta moi útil ser transparentes e marcar ben e de xeito claro os obxectivos, así como ser consistentes coa aplicación de criterios. Para isto comentamos a variedade de instrumentos de avaliación, dende a observación diaria na aula, os diarios ou portafolios ate as rúbricas e checklists ou listas de verificación

Recalcamos moi en especial que debemos ser conscientes do noso enfoque á hora de elaborar rúbricas, pois se as facemos ben e deliberadamente poden ser moi útiles para os nosos estudantes. O feito de deixar ben claro que obxectivos deben acadar, mediante o emprego dunha linguaxe efectiva e sinxela, permite que os estudantes sexan máis conscientes do seu proceso de aprendizaxe e consecuentemente que todo sexa tamén máis efectivo. 

Para experimentalo por nós mesmas, tivemos que elaborar unha rúbrica por grupos para a actividade de mediación que elaboraramos nas sesión anteriores (se queredes ver a nosa, de novo, ide ao blog de Nat [https://nataliaslittlecorner.blogspot.com/2024/02/tema-11-la-evaluacion-en-el-aula-de.html] que pegou o cadro que fixemos xunto con Antía), e o certo é que acadar un equilibrio entre o que nós consideramos relevante ou desexaríamos ver nos nosos alumnos e o que cremos que lle podemos transmitir ou marcar coma obxectivos reais é complicado. É dicir, penso que como docentes podemos ter unha visión moito máis global do desenvolvemento e da mellora, pero que o feito de plasmalo nunha rúbrica que en parte ten como obxectivo non só a avaliación senón marcar obxectivos claros e metas para os nosos alumnos, obríganos a ter que reducir e especificar moito que se valora. 

 

En segundo lugar, na sesión de principios de febreiro, a segunda deste tema 11, exploramos a avaliación inicial ou diagnóstica, a formativa e a sumativa, e tamén o proceso de recollida sistemática de datos e a consecuente adaptación do docente e da súa planificación a partires da información acadada. Tamén tratamos estratexias innovadoras para proporcionar feedback efectivo e así levar a cabo unha boa avaliación continua, mediante notas, comentarios, reunións individuais ou informes de progreso, por exemplo.

Durante esta sesión o certo é que lle adicamos a meirande parte do tempo á avaliación formativa, tendo en conta que está relacionada con situacións da vida real e non só mide o coñecemento acadado, senón que tamén funciona coma guía de mellora para o alumnado, o cal participa e controla o seu propio proceso de aprendizaxe grazas á autoavaliación e coavaliación. Dende o meu punto de vista, e seguro que estades de acordo, esta metodoloxía de avaliación é realmente interesante para os docentes pois con ela pódese rexistrar moi ben o progreso, tendo distintas fontes de información. Ademais, non interfire coas clases —ou non tanto como outros tipos de avaliación—, polo que axuda a manter a planificación que se teña e a aproveitar moito máis o tempo, e tamén permite ir máis alá e ver a mellora de xeito integral, non só a nivel académico, senón con respecto a outras capacidades como o traballo en equipo ou a resolución de conflitos.

Comentamos así mesmo o experimento de Ruth Butler sobre a eficacia do feedback en comparación coas clásicas notas numéricas. Isto estivo moi ben porque antes de desvelar o resultado, a nosa docente Cristina preguntou con que tipo avaliación funcionaba mellor co alumnado, se a nota numérica e os comentarios ou só unha das dúas. No meu grupo, e polo que vimos bastantes outros compañeiros e compañeiras, pensabamos que o mellor sería proporcionar ambas, no sentido de que terían máis información… Mais estábamos equivocadas, segundo Butler e os resultados que obtivo o mellor é soamente proporcionar feedback

Tamén visualizamos o vídeo de Dylan Wiliam Ebedded Way of Assessment, co que aprendimos que o feedbackdebe ser positivo e negativo —comentamos, de feito, a técnica do sándwich— e nón so bos comentarios, e que é moi interesante engadir comentarios e reflexión sobre o que se pode mellorar —o feedforward—, e debatimos sobre as ventaxas e dificultades que poden presentar a autoavaliación e a coavaliación. 

Coma sempre, para rematar a sesión, levamos a cabo varias pequenas postas en práctica en relación á materia, neste caso en concreto sobre o feedback. De novo no mesmo grupo (con Antía e Natalia) completamos o noso apartado inicial de avaliación da actividade de mediación que levaramos a cabo unhas sesión antes. Por exemplo, engadimos que ao principio da sesión explicariamos a rúbrica que se empregaría co obxectivo de aclarar as metas da actividade; ou engadimos unha autoavaliación final. 

Considero que nestas dúas sesión puidemos afondar na importancia da avaliación efectiva e o gran impacto que pode ter no correcto desenvolvemento do proceso de ensinanza-aprendizaxe así como na superación e motivación dos nosos estudantes, tendo en conta tamén non só aspectos académicos senón tamén capacidades persoais que serán tremendamente útiles no seu futuro. Coñecemos distintas fórmulas para avaliar e como deseñalas, especialmente interesantes dende o meu punto de vista nas que se involucra aos estudantes. Penso que a todos nos quedou claro, ademais, que o impacto das notas numéricas no fondo non é positivo para unha aprendizaxe real e duradeira, polo que seguro innovaremos neste aspecto cando cheguemos ás aulas. 

Como conclusión destas sesión quédome con que a avaliación é verdadeiramente importante para o desenvolvemento e éxito do meu futuro alumnado, polo que a tomarei como un reto ou desafío de cara a converterme en profesora o feito de avaliar de forma xusta e efectiva, combinando distintas pedagoxías, contidos e por suposto con sensibilidade, sempre tendo en conta as necesidades e características persoais dos meus alumnos. Seguro que haberá moitas probas pouco frutíferas, mais coas ferramentas que agora temos todo será practicar 

 

Grazas de novo por ler esta entrada, pásome agora polas vosas!

 

Apertas, 

Sabela

 



Bibliografía e enlaces recomendados: 

 

Coformación (2023). Formas e instrumentos de evaluación que deberías conocerhttps://coformacion.com/formas-e-instrumentos-de-evaluacion-que-deberias-conocer/

 

LeeAnn Renninger (2020). «The secret to giving great feedback». TEDhttps://www.ted.com/talks/leeann_renninger_the_secret_to_giving_great_feedback

 

McGraw Hill (2018). ¿De qué formas se puede evaluar el aprendizaje?https://www.mheducation.es/blog/de-que-formas-se-puede-evaluar-el-aprendizaje

Comentarios

  1. Ola, Sabela!
    Gustoume moita a túa entrada sobre este tema, penso que conseguiches plasmar moi ben todo o que vimos ao longo das clases con Cristina.
    Quédome sobre todo cos parágrafos que lle dedicas á avaliación formativa porque tamén penso que é un piar moi relevante na educación actual e para o que vai ser a educación proximamente no futuro.
    A avaliación formativa, que por suposto é continua é unha ferramenta esencial no proceso educativo dos nosos alumnos e alumnas, xa que lles proporciona beneficios, que con outros métodos non terían, grazas ao feedback constante sobre os seus traballos. Ademais, poden gozar dun enfoque máis dinámico e participativo na clase.
    O que me gustaría resaltar realmente neste comentario é que este tipo de avaliación é enriquecedor tanto para o alumnado coma para o profesorado. Para os docentes, a avaliación formativa e continua facilita unha comprensión máis profunda das necesidades individuais dos seus estudiantes, permitindo levar a cabo unha ensinanza máis personalizada e efectiva que se adapte a eles e elas.
    Para rematar, na miña opinión, esta práctica avaliativa promove un ambiente de aprendizaxe colaborativo e enriquecedor para todas as persoas involucradas no proceso educativo, que é ao que debe aspirar a educación en todo momento.
    Moitas grazas polas túas explicacións!
    Unha aperta, Marcelo

    ResponderEliminar
  2. Ola, Sabela!
    Disfrutei moito da túa reflexión a propósito da avaliación na aula de linguas estranxeiras. Das sesións, eu tamén saquei en claro a importancia da meticulosidade á hora de elaborar unha rúbrica de avaliación. Como comentas, é imprescindible o emprego dunha linguaxe efectiva e sinxela que axude ao alumnado a coñecer que se espera deles e que lles pemita, deste xeito, acadar os mellores resultados posibles. É moi complicado conseguir esa especificación tan exhaustiva, pero creo que é unha das ensinanzas clave que levo deste máster, e dame a sensación de que ese é un sentimento xeral para todos.
    Botei unha ollada á bibliografía que empregaches, e gustoume especialmente o artigo de McGraw Hill. Creo que, como alumnos, vemos dun sistema educativo excesivamente apoiado en probas escritas, e que é unha boa oportunidade para descubrir outras maneiras de avaliar para futuros docentes.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares