Tema 3: comunicación oral e escrita e estratexias para desenvolver as habilidades lingüísticas na aula
Ola de novo, amigos e amigas! Tras unhas semanas inactivas polo blog, hoxe volvo para comentar todo o que aprendemos durante o tema 3 de Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras, o cal se centrou esencialmente nas actividades correspondentes a cada unha das destrezas lingüísticas, xa sexan orais ou escritas.
Para comezar, exploramos un concepto moi importante na actualidade no ámbito da ensinanza de segundas linguas —aínda que para min bastante novidoso— como é o de mediación. Coñecimos que hai distintos tipos de mediación, pois abranguen distintos tipos actividades dependendo de se se median textos, conceptos ou comunicación en sí (tal e como indica o MCER) e posibles propostas para incorporala na aula de inglés, sempre achegando as actividades de mediación á realidade e a posibles situacións comunicativas que os nosos estudantes poidan chegar a vivir facilmente. É dicir, afastándonos todo o posible de interpretar un papel alleo como se fai moitas veces nos role plays. Ademais, destacouse que non a debemos considerar como unha destreza independente, senón como unha parte integrada nas catro destrezas principais coas que se traballan: a comprensión oral, comprensión escrita, a expresión oral e a expresión escrita.
Por outra banda, en relación coa comprensión, a interacción e a expresión, comentamos a urxencia de deixar atrás as prácticas tradicionais de ensinanza —o típico listening co cassette, por exemplo— co fin de tratar de desenvolver as capacidades lingüísticas cun enfoque motivador, por exemplo mesturando as actividades para que sexan máis dinámicas e axuden a que o alumnado adquira unha aprendizaxe máis significativa e completa (vaia, que aprendan a lingua estranxeira na súa globalidade e en contexto)
Para asentar toda a nova información que estivemos recibindo e comezar a pensar en como poderiamos crear actividades de expresión, interacción e mediación tanto oral coma escrita nas nosas futuras aulas, levamos a cabo tres actividades en total (bueno, eu en realidade dúas porque non puiden asistir o terceiro día!) por grupos.
Para a primeira tarefa, Natalia, Antía mais eu decidimos deseñar unha actividade de mediación escrita na que un grupo de bacharelato dun instituto de Vigo debía, por grupos de tres, interpretar, obter e proporcionar a información pertinente (que se lles pedirá) de distintos folletos turísticos, coma se traballasen nunha oficina de turismo. Esta, en realidade achégase moito ao formato de role play porque aínda que tiveran que ler un documento o saber reformular a información de forma correcta e facela chegar ao receptor, ao fin e ao cabo os alumnos interpretarían un papel que é moi posible que non vivan nunca na vida real. Co feedback da nosa profesora Cristina percatámonos de que sería moito máis interesante, por exemplo, que tiveran que preparar unha viaxe entre amigos e que cada un se encargase de pescudar información para despois transmitirlla aos compañeiros/as e así decidiran a onde ir de viaxe.
Para continuar, tivemos de facer unha actividade de comprensión oral, a cal aínda non entregamos pero xa temos bastante adiantada. Nesta ocasión, decidimos orientala para un grupo de terceiro da ESO empregando un vídeo de Vogueno que Kit Connor explica que leva no seu bolso, o cal deberán visualizar para poder responder a unha serie de preguntas que estamos a rematar de perfilar (mais se queredes un adianto, no blog de Natalia [nataliaslittlecorner.blogspot.com] xa as tedes)
Finalmente, a última sesión sei que se centrou en actividades comunicativas de produción e interacción e polo tanto realizouse unha tarefa na que había que achegar unha actividade para a aula baseada ben na escritura dunha reseña, ben na narración dunha experiencia ou ben en escribir un correo electrónico. Ás miñas compañeiras Natalia e Antía tocoulles deseñar a actividade para a reseña, e logo planificaron unha sesión moi interesante para un grupo de cuarto da ESO na que o alumnado debería ver unha película e posteriormente escribir esa breve crítica sobre ela. De novo, se queredes botarlle unha ollada, Natalia tamén a incluíu na súa entrada :)
En resumidas contas, estas sesións do tema tres proporcionáronnos os coñecementos necesarios para levar a cabo actividades de desenvolvemento de destrezas lingüísticas de xeito significativo, e ademais alentaron a nosa reflexión e creatividade ao respecto, tanto na súa creación e deseño como á hora de levalas a cabo e avalialas, e subraiando especialmente a incorporación da mediación comunicativa, a actualización das prácticas e a motivación do alumnado.
Para ir rematando esta entrada, paréceme importante resaltar a importancia que tivo esta unidade de cara ao noso futuro coma docentes. Como dicía anteriormente, eu polo menos descoñecía exactamente o que era a mediación e como se traballaba nas aulas de inglés. De feito, non sabía tampouco que se lle daba tanta importancia agora nas EOI. Pero o certo é que atopo as actividades de mediación moi útiles e pertinentes para ampliar as habilidades lingüísticas dos estudantes, máis tendo en conta que con elas explóranse situación reais e auténticas do mundo actual. A actividade que realizamos e que tivemos que presentar para posteriormente recibir o feedback de Cristina atopeina especialmente enriquecedora porque puidemos comentar e reflexionar sobre o que verdadeiramente queremos poñer en xogo e conseguir con actividades de mediación, que non é a calidade lingüística, senón que sexan capaces de comunicarse e recibir, reformular e entregar ben unha mensaxe. É dicir, verdadeiramente comunicarse.
Alén disto, do que nos aportou a nós coma estudantes o tema 3, penso que que incluamos nas nosas metodoloxías de ensinanza todas as propostas para innovar e achegar o proceso de aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades á realidade social e cultural proporcionaralle aos nosos alumnos moitos beneficios. Por exemplo, en xeral poderán millorar a súa capacidade comunicativa (tal vez incluso na súa lingua materna ou en algunha outra segunda lingua que estean aprendendo); ou perderán a vergonza a falar e tal vez se volvan algo máis asertivos e sociables, quen sabe (dende logo non sufrirán tanto shock cando vaian ao estranxeiro); seguro terán máis ilusión por ir ao estranxeiro ao perder o medo por estar máis familiarizados con textos e conversas reais da cultura da que se trate; seguro tamén vivirán situacións internacionais nas que teñan que mediar e así se desenvolverán ben en tales contextos; ou serán mellores resolvendo conflitos e adaptándose a obxectivos distintos. En resumidas contas, considero que co aprendido poderemos proporcionar máis ferramentas para que os nosos futuros estudantes afronten con confianza os desafíos do mundo actual nunha segunda lingua.
Bibliografía:
Consejo de Europa (2020). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Volumen complementario. Servicio de publicaciones del Consejo de Europa: Estrasburgo. www.coe.int/lang-cerf.
Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (2002). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/cvc_mer.pdf
Cambridge English (2022). «Mediation Skills in the English Language Classroom». Cambridge University Press & Assessment. https://www.cambridgeenglish.org/blog/mediation-in-the-english-classroom/
Mediation in Teaching, Learning and Asessment. Council of Europe. https://www.ecml.at/ECML-Programme/Programme2020-2023/Mediationinteachingandassessment/Whatismediation/tabid/5532/language/en-GB/Default.aspx
Enlaces relacionados e recomendados:
Luis von Ahn (2023. «How to Make Learning as Addictive as Social Media». TED. https://www.ted.com/talks/luis_von_ahn_how_to_make_learning_as_addictive_as_social_media
Ola, Sabela!
ResponderEliminarEn primeiro lugar, quero felicitarte pola túa entrada e por compartir tan detalladamente as túas reflexións sobre o tema 3.
A túa explicación sobre a mediación resulta clara e concisa, e a integración desta no contexto das catro destrezas lingüísticas é un enfoque moi acertado. Eu tamén creo que a experiencia de deseñar unha actividade de mediación escrita axudounos moito, sobre todo ao contar co feedback de Cristina (agora saberemos como enfocar os roleplays :)
Tamén me parece interesante a túa crítica ás prácticas tradicionais de ensino e, en canto á proposta de actividade de comprensión oral cun vídeo de Vogue (que escollimos entre as dúas), só teño que engadir que se alguén quere botarlle un ollo ao vídeo, teno no enlace que pon arriba Sabela. Na miña opinión, a utilización de recursos audiovisuais e a conexión coas preferencias dos estudantes pode resultar moi motivadora e efectiva para a comprensión oral. Por iso escollimos un vídeo dun actor tan de moda coma Kit Connor, protagonista da serie de Netflix, Heartstopper.
En canto á actividade que fixemos Antía, ti e mais eu da reseña cinematográfica, sigo pensando que foi moi creativa e práctica. Integrar a visualización dunha película coa redacción dunha crítica permite traballar diversas habilidades lingüísticas de forma lúdica e significativa.
Doutra banda, a túa reflexión sobre a importancia da mediación nas aulas de inglés e a súa utilidade para a comunicación real é moi acertada. O énfase na comunicación sobre a perfección lingüística é un cambio valioso na perspectiva educativa.
En resumo, douche a noraboa pola túa reflexión acerca do tema e a súa aplicabilidade na práctica docente. Estou segura de que a túa actitude innovadora e reflexiva terá un impacto positivo nos futuros estudantes ;). Agardo con interese as túas futuras entradas e o desenvolvemento das túas ideas. Moita sorte!
Natalia
Ola, Sabela!
ResponderEliminarMoitas gracias pola túa entrada, pareceume un resume moi completo do aprendido durante as aulas con Cristina adicadas ao tema 3. Recoñezo que o concepto de mediación tal e como o vimos na clase tamén resúltame algo novidoso. Pola miña experiencia coa interpretación, cústame encaixar a mediación fóra dese tipo de contextos. Sen embargo, despois destas sesións creo que a integración das actividades de mediación coas outras catro destrezas é básico para que o noso alumnado sexa quen de aprender a comunicarse na lingua estranxeira, independentemente da calidade lingüística.
Estou totalmente de acordo contigo cando mencionas a urxencia de deixar atrás os típicos listening con casette (esa imaxe mítica que se nos vén a todos á mente cando pensamos nalgunha profe de inglés que tivemos) para así centrarnos no emprego de materiais reais máis motivadores e actuais que favorezan unha aprendizaxe significativa e completa. En xeral, todas as actividades que propuxo o teu grupo parécenme moi pertinentes e dinámicas.
Concuerdo completamente coa última parte da túa entrada. Penso que como futuras docentes debemos ter moi presente a necesidade de achegar o proceso de aprendizaxe á realidade social e cultural do noso alumnado, favorecendo unha contorna na que todo o mundo se sinta cómodo e na que o erro teña sempre cabida, para que así o alumnado poida perder o medo a falar e se anime a marchar ao estranxeiro.
Ata outra entrada, mentres tanto, vémonos nas aulas!
Elena
Ola, Sabela!
ResponderEliminarEu son da vella escola e sufrín moito os listening con casete. Ben, eu propia useinos cando clases na Uvigo cando aínda non tiñamos ordenadores nas aulas alá a principios do século pasado. A nós parecíannos algo moi moderno, pero está claro que hoxe en día temos tecnoloxía ao noso alcance que mellora moito o resultado da aprendizaxe do alumnado. Algo que aprendín nestas sesións é que debemos usar realia. Canto máis practiquen actividades os nosos estudantes que se parezan máis á vida cotiá, menos medos terán no futuro e mellor se desenvolverán como persoas. Niso a mediación é imprescindible, como vimos nas clases.
Grazas pola túa entrada!
Un saúdo,
Ana
Ola, Sabela!
ResponderEliminarGustoume moito a túa entrada de blog. Penso que resumiches moi ben os puntos máis interesantes do que vimos en clase e estou totalmente de acordo coa túa reflexión sobre a necesidade de afastarnos, como profesores, das prácticas máis tradicionais como o listening co cassette. Para iso, pareceume moi interesante a vosa proposta do video de Vogue de Kit Connor sobre o que leva no seu bolso xa que penso que é unha actividade que lles charmaría á antención e lles gustaría aos alumnos porque emprega un formato de video co que moitos xa estarán familiarizados, posto que seguro que algunha vez visualizaron algún destes videos de Vogue protagonizados polo seu cantante ou actor favorito. Do mesmo xeito, tamén penso que está actividade resultaría moi beneficiosa para o alumnado porque emprega vocabulario de obxectos do día a día e unha temática coa que se poden sentir identificados e que incluso poderían replicar eles mesmos na súa casa facendo un video sobre o que eles levan nos seus bolsos ou mochilas.
Moitas grazas pola túa entrada!